martes, 15 de mayo de 2007

Antiga igrexa de San Pedro-
Debuxo baseado en fotos parciais, plano da igrexa e nas medidas actuais da rúa.
Este é o escenario principal desta historia novelada, onde vivian os seus personaxes imaxinarios: dous mozos fidalgos que naceron nestas casas blasonadas enfrente da igrexa.
O vello escribán D. Ramón lía os papeis da historia de Melide, aqueles que falaban do pasado do Convento de Santispiritus.
O seu sobriño Xan de Sibil imaxinaba a historia que debeu ser, pero da que se perdeu a documentación, pero que, sen dúbida, existiu. Namorado da súa veciña Branca de Pedrosa, cun amor imposible desenvolvido nun Melide carlista e liberal, en familias antagónicas.
Escrita nos anos 1835 ó 38. Todo xira arredor do Convento de Santispiritus que, víctima da desamortización, sofre a exclaustración, despois de 500 anos de vida en Melide pecha o Convento as portas...
Víctima das súas ideas carlistas, Xan é fusilado e Branca retírase ó Convento de Santa Clara de Santiago.
Don Ramón intuía que o Convento o convirtirían en Parroquial e esta antiga de San Pedro fora desprezada e se arruinase pouco a pouco. Así foi, porque no 1842 o Convento é Parroquial e a vella parroquial de San Pedro foi demolida no 1945, conservándose a fachada e algunha peza illada.

(Comentario: é unha historia cuns personaxes clásicos e tópicos, pero propios desa época decadente e de transformación. Pola cantidade de datos, faise malo de ler, polo que é mellor tirar para adiante cando algunha páxina se faga pesada.
Non pretendín facer un libro de entretemento, percurei a información histórica. Pretendín que os personaxes foran a escusa para presentar os datos e os acontecementos.
O Apendice Documental é o resumo da lectura de tódolos legaxos e documentación que atopei
do Convento de Santispiritus, froito duns 3 anos de traballo.
Como se di no prólogo, todo é verdade, agás os personaxes e mailas historias recreadas por Xan sobre a suposta historia de Melide, pero poideron ser verdade e aínda con máis realismo e riqueza de detalles do que el fixo. Pero el xa o sabía, e considerábase autorizado para escribila, porque ben sabía que a realidade sempre é moi superior o que el se imaxinara.
Por último, dicir que este libro escribino para min e para aqueles que con paciencia lles gusta pescudar na historia, perdoándome a pouca calidade literaria e outros defectos que lle atopedes. Pero como paguei eu a edición, non vos debo nada, e vos debédesme estes datos que vos facilito dos arquivos, e estes malos debuxos, e todo por o precio de costo: 20 euros.
Se liches esto, gracias pola túa paciencia. A tua disposición...Xosé Manuel Broz Rei. Melide.

No hay comentarios: